|
Inicio - ¿Un oso e un xabaril?
¿Un oso e un xabaril?
Pode resultar estraño para o que entra nesta páxina sen coñecer a historia de Pontedeume ver como cabeceira da mesma e como base do logotipo un oso e un xabaril. Pois ben, o oso e o xabaril eran os símbolos totémicos da Familia Andrade, señores feudais que fixeron de Pontedeume unha Vila de referencia na Idade Media no que agora é Galicia. O que representaban estes dous animais ten moito que ver coa importancia que tiña na época a caza como modo de subsistencia.
Durante a época dos Andrade levantouse unha ponte medieval que é o que agora lle dá nome ao pobo. No medio desa ponte, un oso e un xabaril de pedra, un a cada lado do mesmo, "custodiaban" o paso dos viandantes que atravesaban a ponte.

Aínda que cambiaron varias veces de asentamento durante o paso dos séculos, actualmente as figuras atópanse na rotonda que se localiza á entrada da ponte.
Actualmente teñen un avanzado estado de deterioro, polo que os organismos municipais estudan a viabilidade de resgardalas do acoso da meteorología e pór no seu lugar unhas réplicas que se asemellen o máximo posible ao que foron noutro tempo.
O oso e o xabaril son a historia de Pontedeume.
< Voltar
atrás ^
Ir arriba
|