|
Inicio - Historia
- Evolución da Vila - Desenrolo urbanístico
Desenrolo urbanístico
A fundación da Vila de Ponte do Ume dá lugar a unha primeira estructura urbanística formada por trece mazás (ver gráfico) ordenadas en función dun camiño xa existente, que era denominado "Camiño procedente de Andrade" (actualmente Rúa Real). En 1284 xa existía unha cerca, a cal sería precedente á que será a muralla da Vila, nun primeiro momento con tres portas. En 1363 xa hai constancia da existencia da Igrexa Parroquial de Santiago, que, segundo a documentación viña substituír á Capela de Veracruz, a cal prolonga a súa vida ata que o Arzobispo Bartolomé Rajoy a reedifica.

A presenza durante séculos da familia Andrade en Pontedeume fixo crecer urbanísticamente a Vila e a súa estancia quedou patente co levantamiento do Pazo de Andrade por Fernán Pérez de Andrade entre 1370 e 1380. A acción de Fernán Pérez, aínda así, parece que só se encamiñou a dotar a Pontedeume defensivamente e en aspectos de comunicación, preferindo para a súa actividade comercial A Coruña e Betanzos, sendo este último o seu lugar desexado para ser enterrado. Neste feito déixase entrever que a relación do Conde con Pontedeume non foi todo o amorosa que se podería esperar. Os seus descendentes, excepto Fernando de Andrade, desexaron tamén ser enterrados nun panteón familiar en Monfero.
Don Fernando fundou, en 1538, extramuros, o Convento dos Agostiños (Agustinos) e reedificou o convento, a capela maior da Igrexa Parroquial de Santiago e a sacristía. Contribuíu tamén ás obras de reparación da ponte.
Ata finais do século XV ou principios do XVI, Pontedeume non contou cunha casa do concello. A primeira casa do concello sufriu o incendio de 1607, reedificándose pouco despois.
Pontedeume altera progresivamente a súa fisonomía orixinal desde o século XVII, no que a Vila xa crece fóra do perímetro da muralla, mentres ésta comeza a deteriorarse.
Xa no século XIX fanse melloras nas vías de comunicación, así se produce unha reestructuración da rede ferroviaria (o ferrocarril chega a Pontedeume en 1913) e das estradas. Entre 1856 e 1859 constrúese a estrada de Xuvia a Betanzos polo emprazamento actual da N-651, substituíndo o antigo camiño a través da Rúa de San Agostiño (S. Agustín).
A muralla continúa deteriorándose progresivamente, de modo que, en 1900, xa só existía unha das sete portas: a da Ponte ou "Arco de Maldonado", a cal foi derribada xa en 1905.

Foi o concello o órgano de decisión fundamental que impulsa as transformacións urbanísticas. Así o concello promove que unha parte dos impostos recadados se gasten na potenciación urbanística e, en concreto, na reparación da ponte, o mantemento das fontes e lavaderos e no mantemento dos edificios públicos. Os esforzos do concello por manter a ponte en bo estado foron continuos, de aí as continuas reparaciones e o diñeiro investido nelas.
Na década dos 40 lévanse a cabo obras de recheo sobre o mar, que culminarán a mediados dos 90 na construción dun paseo marítimo, condicionando en gran medida o aspecto actual da Vila.
< Voltar
atrás ^
Ir arriba
|