|
Inicio -
Historia - Etapas históricas - Antigos colonizadores
Antigos colonizadores
Os celtas son os primeiros poboadores "históricos" de Galicia e, por extensión, da comarca eumesa a partir do século VI a.C., no que se impuxeron aos habitantes autóctonos en sucesivas incursións conquistadoras desde o norte de Europa. Os restos arqueolóxicos atopados no municipio de Pontedeume apoian a hipótese respecto da existencia de colonizadores de orixe celta, así temos castros e mesmo un torques de ouro que apareceu no lugar de Castrelo, parroquia de Centroña, en 1912.
O nome de Breamo quíxose ver como un legado destes pobos ao facelo derivar do irlandés "bri" (monte), e mesmos varios historiadores localizan próximos ao partido de Pontedeume catro cidades de orixe celta: Brigantia, Lámbrica, Libunca e Ardóbrica. Ademais, o chamado polos romanos "Portus Magnus Artabrorum" -poboado pola confederación ártabra, poderosa agrupación celta- abarcaba as costas da comarca eumesa.
Pero tamén deixarán os romanos a súa pegada na paisaxe arqueolóxica do municipio de Pontedeume, rexistrándose dous xacementos desta orixe, un en Zopazos e outro na parroquia de Centroña.
A catalogación arqueolóxica efectuada dos restos atopados no municipio eumés levou á identificación de 11 xacementos (6 castros, 3 túmulos e 2 xacementos romanos) que se distinguen segundo estean situados no litoral -expostos á acción destrutiva da auga: Zopazos, Centroña e Castro das Insuas- ou de cara ao interior do Concello, que sofren alteracións ocasionadas polo home.
< Voltar
atrás ^
Ir arriba
|