|
Inicio - Festas
- Festas autonómicas e nacionais
Festas autonómicas e nacionais
O Entroido (Carnavais)
A primeira constancia documental da celebración destas festas na Vila data de 1840, pero non é ata 1900 que se fai referencia a un dos elementos máis característicos do Entroido eumés: as comparsas, que compuñan letras e músicas novas especialmente para ser cantadas por estas datas, a diferenza das actuais charangas, murgas e máscaras que fan letras críticas musicadas con outros ritmos doutras cancións.
A primeira das comparsas da que temos noticia é "Os Larpeiros" -segundo a tradición oral, existente desde 1890-, popularizándose estas agrupacións xa a comezos de século, con "Las Mariposas", "Las Pesquitas Mariposas",...
Tradicionalmente, as cancións que compoñen cántanse polas rúas do pobo entre o sábado e o martes de Entroido, para xa o mércores celebrarse "o enterro da sardiña", é dicir, o final do Entroido coa queima simbólica dun boneco que o representa.
Os maios
Celébrase a chegada do mes de maio con cancións que auguran boas colleitas e coa confección dos "maios", estruturas compostas por varas, mirtos, flores e laranxas bravas ou ben maquetas de distintos motivos locais -o castelo, o torreón,...- cubertas de follas e flores. Son levados aos ombreiros por catro nenos, que antigamente levábanos de casa en casa e cantaban se se lles ofrecía algo a cambio. Na actualidade celébrase un concurso, premiándose diferentes aspectos: o tamaño, a orixinalidade...
En 1986 recuperouse a tradición vintecinco anos esquecida de bailar o "Déitate maio" ou "Danza do Biouteiro", que é un modo de representar o "maio" en forma de danza.
San Xoan (24 de
xuño)
Como en numerosas lugares da xeografía galega e española, na noite do 23 ao 24 de xuño, acéndense fogueiras en distintos lugares do pobo; sendo tamén tradicionais as sardiñadas. Ademais, existe o costume de deixar ao rocío da noite auga mesturada con rosas e plantas aromáticas, coa que ao día seguinte lavarse a cara para quedar protexido das "meigas" (bruxas) o resto do ano.
Día do
Apóstolo Santiago (25 de xullo)
O día do Apóstolo ten un dobre significado: por unha banda é o "Día da Patria Galega", e por outro é o santo baixo cuxa advocación está a igrexa parroquial de Pontedeume. Antigamente celebrábase unha verbena.
< Voltar
atrás ^
Ir arriba
|